Logotip de la revista Noves SL

Presentació

hemeroteca

bústia

Logo


Estudios sobre a situación sociolingüística da lingua galega (1990-2002), por Anxo M. Lorenzo Suárez


CONTINUA


Os resultados de ámbolos traballos, no tocante ós principais indicadores sociolingüísticos, son moi semellantes, de maneira que non parece que este período temporal de cinco anos fose abondo para consolidar cambios sociolingüísticos na sociedade viguesa que poidan ser detectados mediante unha investigación macrosocial e cuantitativa.

Finalmente, debemos mencionar outro traballo que o Consello da Cultura Galega promoveu a través do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística: a realización dunha avaliación externa e de xestión da calidade dos servicios de normalización lingüística, centrándose nun servicio lingüístico comarcal (cf. Fente, 2000) e nun servicio vinculado co ámbito empresarial (cf. Lorenzo, 2000). Os resultados da avaliación foron presentados en 1999 nos encontros para a normalización lingüística que anualmente organiza o Consello da Cultura Galega.

Na avaliación do servicio lingüístico comarcal presentouse unha serie de conclusións relativas ó deseño organizativo do servicio, ás actividades e resultados, así como ó grao de satisfacción dos seus usuarios/as. Este proceso de avaliación externa, totalmente novidoso no ámbito da xestión normalizadora en Galicia, non parece que servise para cambiar significativamente a organización e desenvolvemento das actividades dos servicios lingüísticos e do labor dos técnicos de normalización lingüística.

5. Ensino non universitario

O sector do ensino non universitario foi obxecto de distintos traballos de investigación, centrados principalmente na obtención de datos e de información sobre a presencia do galego na comunidade educativa e, máis concretamente, sobre o cumprimento dos obxectivos relativos ó ensino fixados na Lei de Normalización Lingüística aprobada en 1993. Mostraremos a continuación, e de xeito cronolóxico, os máis relevantes.

A Xunta de Galicia publicou a principios da década dos noventa un traballo sobre a situación da lingua galega nos ciclos da educación xeral básica e da educación primaria (cf. Rubal, 1991). Tal traballo, resultado dunha investigación elaborada por un equipo do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago de Compostela, tiña como finalidade comprobar se o obxectivo central referido ó ensino da Lei de Normalización Lingüística –onde se especifica que o sistema educativo debe garantir a adquisición por parte do alumnado dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais– se estaba ou non a cumprir.

Os datos obtivéronse tendo como informadores o profesorado e os equipos directivos dos centros de preescolar e de EXB. Enviáronse por correo a todo o profesorado tres tipos de cuestionarios para seren contestados de xeito anónimo. Con eles pretendíase obter información sobre a competencia e os usos lingüísticos do alumnado, a competencia e os usos lingüísticos do profesorado –así como as súas actitudes ante o proceso normalizador–, e o grao de utilización do galego e do castelán como linguas vehiculares no ensino. Para contrastar a validez destas respostas, comparáronse cos datos obtidos directamente polo equipo investigador nunha mostra de 36 centros distribuídos en 12 comarcas, mantendo a proporcionalidade que foi aplicada ó conxunto.

As conclusións foron moi claras: a situación do galego no ensino naquel momento atopábase a expensas das iniciativas individuais, de maneira de non se introduciren maiores doses de planificación e de implicación por parte das institucións, non se producirán avances significativos.

Con respecto á súa difusión e impacto, os resultados eran realmente preocupantes para o cumprimento efectivo dos obxectivos lingüísticos da Lei de Normalización Lingüística no ámbito do ensino non universitario. Se, pouco tempo despois, no ano 1995, a Xunta de Galicia modificou substancialmente o réxime lingüístico do ensino non universitario (mediante o Decreto 247/1995), tal modificación non foi allea seguramente ós datos tan alarmantes que se observaban en traballos de investigación como o que acabamos de indicar.

Durante o curso académico 1997-98, a Dirección Xeral de Política Lingüística levou a cabo un estudio estatístico sobre o uso da lingua galega en todos os centros de ensino non universitario de Galicia, tanto no ámbito administrativo coma no docente. Foi un estudio exhaustivo, que abrangueu todos os centros públicos e privados de Galicia, e que permitiu obter información sobre a práctica totalidade dos colexios e tamén sobre cada unha das aulas existentes neles (cf. Dirección Xeral de Política Lingüística, 1998).

A diferencia do estudio anterior, non se deseñou unha mostraxe representativa senón que se optou por un estudio feito sobre a totalidade dos centros escolares de ensino non universitario de Galicia. Utilizouse un cuestionario específico para cada un dos ciclos e etapas: educación infantil, educación primaria (1º ciclo), educación primaria (2º e 3º ciclo), educación secundaria obrigatoria, BUP e COU, e formación profesional. Esta división obedecía á establecida no Decreto 247 de 1995 que regula o uso das linguas no ensino, xa que un obxectivo fundamental do estudio era coñecer o seu grao de cumprimento. Cada cuestionario incluía tres tipos de impresos: un para ser cuberto pola dirección; outro, pola persoa responsable do ENL; e un terceiro para que o cubrise o profesor/a titor/a de cada unha das clases. Nos dous primeiros facíanse preguntas específicas sobre o centro no seu conxunto; no terceiro, as preguntas referíanse a cada unha das aulas en particular.

A difusión dos resultados deste traballo foi moi escasa, dado que nin sequera chegou a ser editado en forma de libro. Polo tanto, debemos supoñer que a explotación destes datos quedou exclusivamente nas mans do departamento da Xunta que o realizou.

No tocante ó caso específico da situación escolar do galego nas zonas galegófonas de fóra de Galicia –o denominado ‘galego exterior’, correspondente a aquelas zonas das provincias de Asturias, León, Zamora e Cáceres onde se fala galego–, dispoñemos do estudio auspiciado e publicado polo Consello da Cultura Galega a principios dos anos noventa (cf. Rubal Rodríguez, X., D. Veiga Martínez & N. Arza Arza, 1992). Ocúpase o estudio da competencia e uso do galego da poboación escolarizada e do profesorado nestes territorios galego-falantes pero nos que a lingua galega ten un recoñecemento legal insuficiente.

Aquest treball s’ocupa de l’estudi de la competència i ús del gallec de la població escolaritzada i del professorat en aquests territoris gallegoparlants, però en els que la llengua gallega té un reconeixement legal insuficient.

Para rematar co ámbito do ensino non universitario, é preciso lembrar que na sección 3 (Política lingüística) fixemos referencia ó segundo volume do informe do Consello da Cultura Galega titulado O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000) dedicado á educación. Este é ata o momento o traballo máis actualizado e en profundidade sobre a situación da lingua galega e do proceso de normalización lingüístico no ensino infantil e primario de Galicia.

6. Ensino universitario

Con respecto ó ensino universitario, publicáronse dúas investigacións propias nas universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, respectivamente. No primeiro caso, elaborouse o estudio O idioma na Universidade de Santiago de Compostela (cf. Rodríguez Neira, 1998). Baseouse nunha enquisa realizada no curso 1995-1996 nos tres colectivos universitarios: estudiantes, profesorado e persoal de administración e servicios. Os datos recollidos neste traballo serviron posteriormente de base empírica para o deseño dunha parte importante do plan de normalización da USC (cf. http://www.usc.es/~snlus/pnl.htm), que foi aprobado finalmente polo Claustro da universidade en outubro de 2002.

No segundo caso, un equipo interdisciplinar levou a cabo en 1995 o informe sociolingüístico da Universidade de Vigo (cf. Lorenzo Suárez et al., 1997). O procedemento de análise tamén se baseou nunha enquisa ó profesorado, PAS e alumnado para coñecer cál era a situación da lingua galega. No caso do alumnado fíxose unha mostra estratificada e no caso de PAS e profesorado enviouse persoalmente o cuestionario que foi respondido polas persoas que así o estimaron oportuno. O contido da enquisa estivo centrada nos temas habituais neste tipo de investigacións cuantitativas. Dedicóuselle unha especial atención ós usos lingüísticos dos tres sectores dentro das funcións, tarefas e actividades propiamente universitarias, para coñecer con maior profundidade o nivel de utilización da lingua nas actividades propias da institución universitaria.

Os resultados puxeron de manifesto a presencia dunha poboación moi castelanizada, con excelente predisposición para o coñecemento e uso da lingua galega, pero con escasa utilización efectiva nas tarefas clave como a investigación ou a docencia. En cambio, o colectivo de PAS mostraba unha maior tendencia á utilización do galego na súa actividade ordinaria, sobre todo nas actividades escritas. Ata o momento actual esta información sociolingüística non foi utilizada para ningunha finalidade aplicada.

7. Medios de comunicación

Os informes e estudios sobre a lingua galega nos medios de comunicación son escasos. Con todo, debemos salientar a información sociolingüística que se conteñen nos sucesivos informes sobre a comunicación en Galicia que edita a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega (cf. López García, 2000; 2002).

Esta mesma institución pública promoveu a realización dun informe sobre o perfil laboral e profesional dos traballadores dos medios de comunicación galegos (cf. Túñez & López García, 1998), e nel incluíase unha descrición dos usos, destrezas lingüísticas e opinións dos profesionais respecto da lingua galega.

8. Outros ámbitos: empresa, publicidade e igrexa

Nesta sección incluímos aqueles traballos de investigación máis relevantes nos ámbitos da empresa, da publicidade e da igrexa en Galicia.

No mundo da empresa e dos negocios carecemos de estudios monográficos en profundidade, pero si temos información relevante e datos que proceden doutros traballos: por exemplo, Bouzada & Lorenzo (1997) e Ramallo & Rei-Doval (1997).

No estudio de Bouzada & Lorenzo (1997), xa comentado anteriormente (véxase a sección 4. Administración), dedícaselle unha parte importante do traballo á situación da lingua galega nos ámbitos laborais e empresariais. Para iso empregouse unha metodoloxía de investigación flexible e variada. Por unha banda, seleccionouse unha mostra representativa de todos os actores sociais implicados nos ámbitos socio-económicos e realizáronse entrevistas persoais a partir dun guión aberto de temas amplo e diversificado. E por outra banda, levouse a cabo unha enquisa en 118 empresas galegas co fin de obter unha valoración directa sobre un conxunto reducido pero estratéxico de indicadores sociolingüísticos.

Os resultados mostraron os factores que están detrás da escasa presencia da lingua galega neses sectores, derivada da febleza dos referentes de status e de prestixio social asociados coa lingua, ó tempo que se constataba a boa predisposición dos axentes sociais e do empresariado galego para asumiren paulatinamente o galego nas súas actividades comerciais ordinarias.

Tamén no ámbito específico do mundo empresarial, noutra investigación publicada polo Consello da Cultura Galega, Ramallo & Rei-Doval (1996) tiñan como obxecto de estudio os consumidores e os axentes empresariais, e neles analízase a reacción do público ante o posible aumento do uso do galego nas empresas e comercios e, complementariamente, analizábase a opinión dos comerciantes e empresarios, que serían os encargados de levar a cabo tal aumento de uso do galego.

Na primeira parte deste estudio considerábanse as actitudes dos consumidores ante a utilización do galego na publicidade, na etiquetaxe dos productos, na rotulación dos comercios e nas relacións vendedor-cliente. Para este obxectivo utilizouse unha metodoloxía cuantitativa mediante o deseño dunha enquisa que foi sometida á consideración dunha mostra estratificada por idade e hábitat de residencia (1209 enquisas).

Na segunda parte recóllense as opinións dos interlocutores empresariais e comerciais, para o cal se seleccionou unha mostra estratéxica de 33 axentes sociais entre os que se recolleu a información pertinente mediante unha entrevista semidirixida.

As conclusións do traballo son elocuentes: fronte ás cautelas dos interlocutores empresariais respecto da galeguización das actividades económicas, comerciais e empresariais, cautelas centradas nas inercias do pasado, nos custos adicionais que iso supoñería, ou na suposta desconfianza dos clientes e usuarios ante un ‘cambio lingüístico’, as actitudes da poboación ante unha maior inclusión do galego nesas actividades son claramente positivas e favorables.

No ámbito específico da publicidade, o Consello da Cultura Galega tamén promoveu a realización e publicación dun estudio específico sobre a inserción do idioma galego (cf. Ramallo & Rei-Doval, 1996). Trátase dunha investigación sobre a situación da lingua galega no ámbito da comunicación comercial e na publicidade. Os obxectivos específicos procurados foron: a) conciencia sobre a adecuación da lingua galega para cumprir as funcións comunicativas; b) actitudes cara ó uso do galego nos medios publicitarios; c) vinculacións entre lingua galega e valores habitualmente utilizados pola publicidade (prestixio, confianza, status, etc.); d) actitudes cara á utilización do galego na rotulación, sinalética e etiquetaxe; e e) receptividade cara ó uso persoal do galego nas relacións comerciais cara a cara.

A metodoloxía empregada consistiu en deseñar un cuestionario de 46 preguntas para ser respondido por unha mostra representativa da poboación galega (1209 enquisas a partir dunha mostra estratificada segundo o tipo de hábitat: rural, vilego e urbano).

As conclusións do traballo céntranse en comprobar a aceptación que ten o uso do galego tanto especificamente na comunicación publicitaria coma nas dinámicas comerciais en xeral. Estes datos cuestionan abertamente que o galego sexa considerado un instrumento inapropiado ou pouco útil para a publicidade ou para o mundo comercial. Ademais, para un sector crecente de cidadáns o uso do galego é considerado un estímulo de cara ó consumo ou adquisición de productos. Tal como sinalan os autores do estudio (páx. 81), "é necesario reformula-la visión sobre o uso do galego no mundo da publicidade e da empresa; porque a capacidade de comunicación que na actualidade ten esta lingua lle confire un enorme valor comercial, ó vehicular con eficacia valores coma a calidade ou a fiabilidade".

No ámbito específico da relixión e a igrexa, o Consello da Cultura Galega tamén foi a institución promotora da realización dun informe sobre a receptividade da lingua galega na liturxia (cf. López Muñoz & García Cendán, 2000). O seu obxectivo foi o de coñecer as opinións dos cidadáns ante a hipótese da introducción do galego como vehículo ordinario da liturxia. Tendo en conta que os argumentos principais empregados polos responsables eclesiásticos galegos para frear o proceso de galeguización dos actos relixiosos é o de que o público o rexeitaría e o de que non se demandan actos relixiosos en galego, o contido deste traballo foi na dirección de afondar nas opinións dos individuos sobre estas cuestións.


2 de 3