Logotip de la revista Noves SL

Presentació

hemeroteca

bústia

Logo

Primavera 2003


Estudios sobre a situación sociolingüística da lingua galega (1990-2002), por Anxo M. Lorenzo Suárez

Expoñemos neste traballo o conxunto de estudios máis relevantes sobre a situación sociolingüística da lingua galega realizados e/ou publicados desde 1990 ata o 2003, promovidos desde as institucións públicas galegas: a Xunta de Galicia, as administracións locais, universidades, e outras institucións, como é o caso do Consello da Cultura Galega. Centraremos a exposición nos traballos existentes en sete áreas: estudios xerais, política lingüística, administración, ensino non universitario, ensino universitario, medios de comunicación, e outros ámbitos (empresa, publicidade e igrexa).

versió per imprimir en PDF. 52KB
         
  en català in English  
         
Sumario

1. Introducción

2. Estudios xerais

3. Política lingüística

4. Administración

5. Ensino non universitario

6. Ensino universitario

7. Medios de comunicación

8. Outros ámbitos: empresa, publicidade e igrexa

9. Remate

10. Referencias bibliográficas

 

1. Introducción

O obxecto deste traballo é presentar os estudios, informes e investigacións máis relevantes sobre a situación sociolingüística da lingua galega realizados –e/ou publicados– no período temporal que abrangue desde 1990 ata 2003. Centrarémonos exclusivamente naqueles materiais sociolingüísticos promovidos e/ou publicados desde institucións públicas galegas, como a Xunta de Galicia, as administracións locais, as universidades, e o Consello da Cultura Galega.

Dividimos a exposición en sete seccións: estudios xerais, política lingüística, administración, ensino non universitario, ensino universitario, medios de comunicación e outros ámbitos: empresa, publicidade e igrexa.

2. Estudios xerais

O estudio xeral máis relevante, desde a vertente dos estudios macrosociais, sobre a situación sociolingüística de Galicia é ata o momento actual o Mapa Sociolingüístico de Galicia (MSG). Non os deteremos nas súas características nin no seu contido porque xa foi comentado e valorado nesta publicación (citar referencia aquí). Tampouco consideraremos as investigacións xerais que incluíron a situación sociolingüística do galego como un obxecto ou caso de estudio máis nun marco máis xeral (por exemplo, o estudio Euromosaic –cf. Nelde, Williams & Strubell (1996)– ou os traballos do Centro de Investigacións Sociolóxicas –cf. CIS (1994) e (1999).

O Instituto Galego de Estatística publicou en 1992 os resultados das preguntas lingüísticas sobre o coñecemento e o uso do idioma galego incluídas no censo de poboación e vivendas de 1991 (cf. Instituto Galego de Estatística, 1992). A presentación dos datos realizouse en catro volumes –un por cada provincia– e neles recóllense as informacións sobre o coñecemento e uso da lingua galega segundo a idade, estudios en curso, estudios realizados, actividade, ocupación, etc., así como as táboas en que se mostra a tabulación cruzada entre coñecemento e uso do galego. Toda esta información está individualizada por provincia e por concello.

Aínda que os datos se mostran en bruto –non se presentan porcentaxes– e aínda que só se ofrecen os resultados globais sen ningún tipo de descrición ou de interpretación, tales cifras globais parecen suxerir unha importante coincidencia cos resultados e tendencias recollidas no Mapa Sociolingüístico de Galicia.

A utilidade deste traballo é ben evidente: dispoñemos dunha información sociolingüística relevante para cada concello, cruzada coas variables independentes principais. Hai, sen embargo, certos aspectos que limitan a súa utilidade: son poucos os indicadores sociolingüísticos incluídos no cuestionario de partida, non hai porcentaxes, poucas son as variables independentes consideradas, e os resultados parciais ou totais non están interpretados.

Respecto da súa difusión e explotación, cómpre recoñecer que ambas foron escasas e que só en casos moi concretos serviu de fonte de información para tarefas, por exemplo, de planificación lingüística. Coidamos que a coincidencia temporal entre a publicación deste estudio e o comezo da edición dos volumes do MSG provocou que os resultados do IGE-1992 quedasen nun segundo plano.

3. Política lingüística

No ámbito da política lingüística en Galicia enmárcase a realización do informe O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000), promovido e coordinado pola Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega. (1) O obxectivo deste informe é triple: a) coñecer con maior profundidade os usos públicos da lingua galega; b) presentar unha avaliación do impacto das iniciativas lingüísticas por parte da administración autonómica; e c) elaborar recomendacións para mellorar a política lingüística en Galicia. Deste estudio, que vai contar inicialmente con catro volumes, imos comentar aquí os dous primeiros –un que xa foi publicado e outro que se atopa no prelo. Os outros dous volumes, previstos para a publicación durante o ano 2003, son: administracións públicas, e planificación do corpus.

O primeiro volume (cf. Cidadanía-Rede de Aplicacións Sociais, 2003) está centrado na análise das políticas lingüísticas públicas desenvolvidas en Galicia desde 1980. O seu obxecto principal do estudio céntrase na compilación e análise da producción normativa, das iniciativas parlamentarias e dos discursos e ideoloxías glotopolíticas, así como nunha revisión detallada da evolución dos orzamentos destinados á planificación da lingua galega nese

período temporal. A metodoloxía empregada baseouse nas técnicas habituais do traballo documental e na aplicación de técnicas cualitativas. Concretamente, levouse a cabo unha aplicación da técnica Delphi a un grupo de testemuñas-clave.

O segundo volume (cf. Bouzada, Fernández Paz & Lorenzo, 2003) ten como universo a educación infantil e primaria. (2) Os obxectivos deste traballo foron os seguintes: a) a consecución dun diagnóstico rigoroso sobre a situación actual do galego nos centros de ensino e nas transmisións educativas; b) a análise das tendencias sociolingüísticas máis relevantes que contextualizaron as prácticas lingüísticas escolares no período 1980-2000; e c) a análise das ideoloxías e opinións dos sectores que forman a comunidade escolar ante o proceso de normalización lingüística.

Con respecto á metodoloxía, a investigación foi organizada en dúas partes. En primeiro lugar, desenvolveuse unha investigación macrosocial, mediante a utilización de indicadores cuantitativos, a partir dunha mostra significativa de colexios estratificada por tipo de centro (privado/público) e por provincia (en total: 201 centros). Con esa finalidade deseñáronse tres cuestionarios: un para os equipos directivos dos centros (con 41 preguntas); outro específico para o equipo de normalización lingüística de cada centro (con 53 preguntas); e unha ficha avaliativa de observación (con 48 ítems). En segundo lugar, desenvolveuse un estudio de casos, baseado en indicadores cualitativos, a partir dunha tipoloxía de centros con características de maior e menor nivel de galeguización e segundo o tipo de zona (urbano/non urbano) e o tipo de centro (público/privado).

Tendo en conta que o primeiro volume foi publicado en marzo de 2003 e que o segundo verá a luz en abril de 2003, o impacto destas dúas publicacións está aínda por determinar. Pero, en calquera caso, trátase da primeira avaliación sistemática do proceso de normalización contemporánea do idioma galego, e polo tanto a incidencia social dos seus resultados ha ser importante.

4. Administración

Non abundan os estudios e informes centrados na situación sociolingüística das diferentes administracións públicas de Galicia. Comentaremos, en primeiro lugar, algúns traballos publicados polo Consello da Cultura Galega, e, en segundo lugar, mostraremos os estudios que se realizaron no ámbito da administración local.

Bouzada & Lorenzo (1997), nunha investigación sobre o futuro da lingua galega publicada polo Consello da Cultura Galega, dedícanlle unha parte ó estudio da xestión da normalización da lingua galega desde e nas administracións públicas galegas. O obxectivo xeral desta investigación foi o de presentar unha reflexión, apoiada na análise empírica da realidade sociolingüística de Galicia, sobre os límites e as potencialidades dos procesos normalizadores da lingua galega nos contextos locais e no mundo do traballo (a parte correspondente ó ámbito do traballo comentarémola posteriormente na sección 8).

Empregouse unha metodoloxía de investigación flexible e variada. Seleccionouse unha mostra representativa de todos os actores sociais implicados nos ámbitos locais coma nos ámbitos socio-económicos e confeccionouse un guión de entrevista amplo e diversificado, con cuestións abertas e pechadas, sobre a situación da lingua e sobre as tendencias na promoción e na evolución dos usos lingüísticos.

Con respecto ó contido, levouse a cabo, en primeiro lugar, un estado da cuestión sobre os procesos de normalización nos ámbitos locais desde distintas perspectivas: a administración autonómica, a sociedade civil e as entidades locais, dedicándolle un espacio importante á descrición da situación actual e ó debate sobre a xestión normalizadora nas entidades locais (avaliación do estado actual e das perspectivas de futuro dos técnicos normalizadores e dos servicios lingüísticos municipais e locais).

En segundo lugar, presentouse unha exposición das opinións, actitudes e realidades sobre a extensión da lingua galega nos ámbitos locais de Galicia a partir das interpretacións e argumentacións das distintas partes implicadas (administracións públicas, políticos, actores sociais, líderes de opinión, técnicos de normalización lingüística, etc.), co obxectivo de obter unha radiografía das limitacións e retos ós que se están a enfrontar todos aqueles que interveñen na promoción da lingua nos contextos locais e comunitarios.

En terceiro lugar, presentouse a análise dun caso de estudio particular: a experiencia normalizadora no concello pontevedrés de Moaña. Finalmente, no derradeiro apartado da investigación desenvolveuse un esquema explicativo cos puntos fortes e febles da xestión normalizadora no nivel local e comunitario.

Seguindo no ámbito estrictamente local, e aínda que non se levou a cabo unha descrición sociolingüística exhaustiva dos concellos galegos (véxase, en todo caso, na sección 2. Estudios xerais, a referencia ós datos do Instituto Galego de Estatística, 1992), si se desenvolveron algúns traballos que cómpre comentar aquí, sendo os máis salientables os que tiveron como obxecto de estudio a cidade de Santiago de Compostela e a cidade de Vigo.

No caso da cidade de Santiago de Compostela (provincia da Coruña), o estudio da situación da lingua galega (cf. Cidadanía–Rede de Aplicacións Sociais, 2001) foi concibido co obxectivo de identificar os factores máis relevantes que inciden nos usos sociais da lingua galega, cunha finalidade aplicada: establecer os obxectivos e as liñas estratéxicas dun plan de actuación normalizador no ámbito do concello santiagués. Polo tanto, este estudio xorde como un documento de coñecemento da realidade e do contexto sociolingüístico santiagués de cara ó desenvolvemento dunha planificación lingüística axeitada a esa situación de partida.

O traballo estructurouse en dúas partes. En primeiro lugar, presentouse unha explotación dos datos do MSG na cidade de Santiago de Compostela (mostra de 1.153 enquisas). Complementariamente, deseñáronse diversos mapas do concello en función de distintas variables sociolingüísticas relevantes, que permiten observar comparativamente as características sociolingüísticas máis sobranceiras do tecido urbano e periurbano da cidade.

En segundo lugar, coa intención de desenvolver un estudio de carácter participativo, deseñouse unha análise cualitativa en que foron implicados actores e axentes sociais que, xunto cos membros do equipo investigador, foron construíndo unha avaliación cualitativa por sectores mediante a técnica DAFO, complementado con entrevistas en profundidade a representantes cualificados de distintos sectores e ámbitos sociais municipais (políticos, medios de comunicación, sector laboral, ensino, etc.).

O resultado deste traballo é un informe que presenta o perfil sociolingüístico do concello, unha análise DAFO xeral e outra específica para sete ámbitos sociais (empresas, relacións laborais, ensino non universitario, universidade, informática, medios de comunicación e igrexa), unha avaliación do labor do servicio lingüístico municipal, e un conxunto de recomendacións finais do equipo redactor de cara ó deseño específico do plan municipal de normalización lingüística, que finalmente foi aprobado polo concello de Santiago de Compostela en 2002.

No caso da cidade de Vigo (provincia de Pontevedra), nos anos 1997 e 2002 realizáronse dous traballos de investigación sobre a situación sociolingüística da lingua galega (cf. Vaamonde et al., 1998; 2003, no prelo). Ámbolos dous estudios baseáronse nunha investigación cuantitativa mediante un cuestionario que foi pasado a unha mostra estratificada da poboación residente en Vigo. O cuestionario de 1997 tiña 35 preguntas sobre os aspectos habituais de lingua inicial, competencia lingüística, lingua habitual, frecuencia de uso da lingua galega e usos lingüísticos, e actitudes e opinións. O cuestionario de 2002 contiña 37 preguntas e nel, ademais dos aspectos xa incluídos no estudio de 1997, se formularon cuestiones centradas na avaliación das actividades do servicio lingüístico municipal.


1 de 3